A asociación Armadiña programa un conxunto de actividades ligadas ao proxecto museístico Mus.Co do 2 ao 7 de agosto.
Mus.Co cobra vida para a próxima semana. O proxecto museístico que pretende implantar o colectivo Armadiña en Combarro dá o seu primeiro chanzo. Do 2 ao 7 de agosto, o Fogar Armadiña – local social da asociación- convertirase na primeira sala de exposición de Mus.Co e a programación inclúe actividades para coñecer o patrimonio da nosa vila.
Na SEMANA DO MUSEO DE COMBARRO a asociación quere mostrar a veciñanza as posibilidades que tería un museo na vila mariñeira. Ademais, é o primeiro chanzo para ensinar o traballo realizado nos últimos tempos, así como mostrar o desenvolvemento evolutivo para construir un museo co apoio da veciñanza.
Armadiña convidará a xente de Combarro a colgar unhas bandeiras co lema “AS NOSAS RAICES” durante toda a semana que vén, para mostrar o apoio a Mus.Co e reivindicar a necesidade dun espazo museístico nunha vila con tanta historia e tan visitada como Combarro.
A primeira sala de Mus.Co será “A MULLER E O MAR”, esta exposición pretende amosar a realidade coa que conviviu a muller galega entre os séculos XVIII e XX. Mus.Co abrirá as portas o luns 2 ás 12:00h no Fogar Armadiña (Baixada a Chousa, 11 Baixo), e permanecerá abertá até o sábado 7. O seu horario será de 11:00 -13:00h e de 17:00-20:00.
O mércores 4 ás 20:00 no local social, Armadiña presentará Mus.Co para que toda a veciñanza interesada poda coñecer máis afondo o proxecto que o colectivo ten para a constitución do MUSEO DE COMBARRO.
Do xoves 5 a sábado 7 ás 19:30 será a quenda para o Teatro Infantil Armadiña, que serán os encargados de guiar e dar a coñecer dun xeito diferente a súa vila a través dunhas visitas guiadas teatralizadas moi animadas.
O venres 6 ás 22:00 haberá unha visita nocturna aos petroglifos do Xuviño guiada polo arqueólogo e compañeiro Marcos Padín. Sairá do Fogar Armadiña.
Finalizarán as actividades o sábado 7 ás 20:30 na praza da Chousa con Xogando Miudiño, un espazo de xogos tradicionais para gozar en familia.
A SEMANA DO MUSEO DE COMBARRO conta coa axuda da Concellaría de Cultura do Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra. Ademais, colabora o Museo ANFACO da Industria Conserveira, GALP Ría de Pontevedra e as Salgadeiras de Moreiras de O Grove.