O Museo de Combarro (MUS.CO) xirará en torno a vida labrega e mariñeira, protexendo a cultura e tradición de Combarro.
Dende os anos 50, persoas e colectivos traballaron para a creación dun Museo na nosa vila que recollese a tradición labrego-mariñeira que caracteriza ao noso conxunto histórico. Dende fai xa máis dun ano, a Asociación Armadiña leva estudando estas iniciativas, adaptándoas aos novos tempos e definindo un proxecto museístico sostible e comunitario, enfocado a salvagarda da identidade labrego-mariñeira no marco dun Combarro moderno.
O noso proxecto ten coma finalidade o establecemento dun museo etnográfico e popular en Combarro, que naza dende a estreita colaboración da veciñanza coas administracións, mediante o traballo colectivo caracterizado no movemento asociativo. O Museo de Combarro estaría xestionado mediante un Padroado, entidade que terá o carácter dunha fundación pública, e para a cal, a Armadiña convidará aos outros colectivos culturais e administracións a participar.
Este é un plan ambicioso, e non pretendemos fundar o centro a curto prazo. Non obstante, a nosa concepción final de Museo e o de establecer un organismo para a salvagarda das costumes e identidade, á vez que valoramos e poñemos en valor o patrimonio cultural e natural do noso entorno. Porén, non cremos en que o Museo deba representarse entre as catro paredes dunha sala, senón que queremos que utilizar o casco histórico de Combarro e a súa contorna para facer o noso discurso, establecendo así un Museo descentralizado, e que se adapte as necesidades da xente de aquí e tamén dos visitantes.
Retomando a idea da creación deste espazo paso a paso, a nosa primeira meta será realizar este verán unha semana de actividades en prol do Museo, sendo o centro destas a exposición da muller e o mar.
Por último, debemos recordar que o establecemento dun centro destas características para Combarro supoñería unha alternativa cultural como centro difusor de coñecemento para o pobo, a vez que sería un factor a ter en conta en canto a o desenvolvemento económico da contorna.
O próximo sábado día 5 de xuño ás 12:30 no Fogar Armadiña presentaremos esta iniciativa as persoas socias da asociación Armadiña. Esta será o punto de partida dun camiño que ten como destino a creación do MUSEO DE COMBARRO.